Lembro unha longa discusión que tiven no seu momento con Bruno sobre o interese que espertaba unha ou outra cultura das denominadas clásicas. Mentres eu defendía, a morte, a Atenas de Pericles, Bruno escandalizábase ante a miña negativa de pór Exipto por diante de Grecia na tentativa de viaxe e coñecemento. Os meus argumentos, nada sólidos, afirmaban que "unha pirámide era unha pirámide" e se despoxabamos dita construcción de todo ese misterio pseudocientífico "unha pirámide voltaba ser unha pirámide" e máis nada. Ignorante de min...
Sucede que estes días ando ás voltas co "Complexo funerario de Zoser (Djoser)" e non podo facer menos que pedirlle desculpas, tanto a Bruno como a todos os amantes (ou non) da arte. Sen restarlle méritos ao meu edificio predilecto (o Partenón), debo recoñecer que unha pirámide é algo máis que "sillares" amontoados...
O primeiro gran gobernante da III Dinastía , o faraón Neterikhet Dyeser (Zoser) tivo ao seu servizo, como grande visir, xuíz supremo e portador do selo a un sábio arquitecto, coñecido polo nome de Imhotep (o que chega en paz). Entre as súas virtudes estaba a de ser médico, astrónomo e sacerdote. Pois ben; Imhotep foi o encargado da construcción do gran "complexo funerario", coñecido pola pirámide escalonada (superposición de mastabas que daría pé, nun futuro, ás pirámides tal e como as coñecemos hoxe).
O recinto garda forma rectangular e fica rodeado por unha longa muralla de caliza branca. Na mesma existen 13 portas falsas e un único portal de acceso formado por un pequeno van; que nos leva por un estreito corredor até a "sala hipóstila". Esta sala está formada por 40 belísimas columnas con fuste en forma de "feixe de canas" que, antigamente, sustentaban a cuberta. O pátio de Heb-Sed era o lugar onde o faraón demostraba ao seu pobo a súa excelente forma física. Neste lugar enterrábase (no festival do Heb-Sed) unha estatua que representaba ao faraón avellentado e, de seguido, entronizábase ao monarca remocicado, cinguíndolle a dobre coroa (símbolo da unificación do Alto e Baixo Exipto). Para representar dita unión de toda a terra do Nilo, no pátio, aínda se conservan parte das capelas adicadas a venerar os deuses dun e doutro Exipto. Estas capelas son macizas e non conteñen absolutamente nada no seu interior. Por fora son salientábeis as tres columnas adosadas que semellan sustentar a cornisa curva do teito.
Finalmente non podemos esquecer a "Mastaba das serpes", tamén chamada "Tumba sur" (posibelmente cenotafio), o "Templo funerario" co Serdab (pequena cámara con dous buratos polos que se pode observar a estatua sedente do faraón) e, como non, a "Pírámide escalonada"





1 comentarios:
A Imhotep deificárono, anos despois...
Enviar um comentário